Web de Metal Entrevista con COSO CARNOBRIGO – METALBROTHERS.ES – Todo el Metal – All about Metal

Entrevista con COSO CARNOBRIGO

by Hombre Rancio

É un pracer falar coa banda procedente de Carnota Coso Carnobrigo, editaron álbum o ano pasado “Sacrificial”.

Boas, ¿que significa o nome da banda?

(Faula) Moi boas! Pois Coso é unha das deidades indíxenas máis veneradas da Gallaecia prerromana. Consérvanse diversas aras dedicadas a el. Literalmente, o nome significa ‘o Coso da fortaleza de pedra’.

¿Como foron os primeros tempos da banda?

(Kiko) Todo xurdiu porque os carnotáns buscabamos cantante para un grupo de rock pois xa tiñamos outras formacións de metal. Pero ao dar con Faula, finalmente fundamos unha banda de death metal que era o que máis nos tiraba a todos.

coso carnobrigo 1

¿Como foi o proceso de gravación de Sacrificial?

(Faula) A gravación do disco fíxose de cabo a rabo por nós, na casa, cos nosos propios medios. Kiko, no que recaeu a maior parte do traballo, di con pesar: Foi ardua e dura, con moitos cabreos polo medio!

Para quen aínda non escoitara voso traballo, ¿que vai topar en Sacrificial?

(Kiko) Pois paixón polo metal arraigado á nosa terra. Un death metal melódico mesturado con moitos estilos que quere dignificar o que moitos consideran un caso perdido. Nós temos un punto de vista diferente.

O meu tema favorito é A Serpe, ¿que canción destacariades?

(Kiko) Pois depende de que a quen de nós llelo preguntes. Pero, a nivel de traballo, a canción Sacrificial é a máis complicada, é a que máis tempo nos levou sacar.

coso carnobrigo 2

A banda mestura Death melódico, Power Metal, Heavy clásico, moi variado, unha banda que pode gustarlle a fans moi diferentes en cuestión de gustos. ¿Que opinades?

(Roldán) Home, a cantos máis gustemos mellor (risas).

¿Cales son as vosas influencias musicais?

Son moi variadas, sobre todo porque cada membro tende a un estilo. O guitarra solista tende cara ao neoclásico e o heavy como Yngwie Malmsteen ou o death nórdico como At the Gates. Ao guitarra rítmico gústalle o power como Helloween e o death como Necrophagist. Ao batería gústalle o death como Death e o math ou progresivo como Animals as Leaders. E á cantante gústanlle diferentes estilos de metal, especialmente o death melódico con toques de doom.

¿Como vedes a actual escena galega?

(Kiko) Hai moitos grupos de metal pero poucos sitios onde tocar. Creo que segue habendo grandes prexuízos con respecto a este estilo. Non é doado que che deixen programar un concerto en pubs e salas pequenas, enseguida lle chaman ruído. Afortunadamente grazas a Internet e a medios coma este aínda te podes dar a coñecer.

¿De que falan as vosas letras?

(Faula) As letras son fundamentalmente de corte intimista, falan das paixóns humanas, dos sentimentos que nos abordan nun momento ou outro. É recorrente a alusión aos deuses, o que non deixa de ser un símbolo poético, ás veces do destino, do que fomos no pasado, ou dunha arela relixiosa sen resolver.

coso carnobrigo 3

¿Que plans de futuro ten a banda?

(Kiko) A idea é dar máis concertos polo país presentando este primeiro disco mentres imos empastando o segundo, que xa está completamente composto. 

¿Como pode o fan facerse co voso traballo?

(Antón) Da edición física xa van quedando poucas unidades, quen queira un, que probe sorte contactando connosco a través da nosa páxina de Facebook. Senón, poden descargar a versión dixital no noso perfil de Bandcamp, esas non se acaban!

Foi un pracer falar con vos, se queredes engadir algo, adiante.

(Faula) Pois si! O luns 16 de maio, véspera do Día das Letras, estaremos na sala Moon de Compostela con Xerión dándoo todo. Esperamos vervos a moitos por alí, a ocasión promete!

E grazas a vós! Saúdos desde Carnota!

Tweet about this on TwitterShare on Facebook0Share on Google+0

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *